Artigos novos

Xandre e unha resposta para Iago

A historia

Fai tempo dabamos noticias dende a bitácora de TADEGa de que se premiaba o vídeo de Iago titulado Yo también tengo derechos. De todos modos, con premio ou sen el, este esforzo non cae en saco roto.

No noso centro, o alumnado do que son titor aprendeu e serviuse de Xandre, o elefante sen sombra e que xa coñecedes todos da nosa web. Impactoulles e gustoulles moito, pero a cousa non quedou aí. Resulta que aquelo de comunicarmos con pictogramas resultaba algo moi abstracto que non acababan de entender moi ben pois nunca viviran unha experiencia similar nin coñecían a ninguén que precisase este sistema de comunicación.

Así pois non quedaba outra que puideran coñecer a alguén que empregase este sistema comunicativo, polo que lles amosamos o vídeo de Iago no que se pode ver con moita claridade como o usa e precisa comunicarse con el.

Unhas cousas levan a outras, e o alumnado pediu darlle resposta a este rapaz usando o seu mesmo idioma. Así que armado cunha cámara de vídeo e imprimindo e preparando os pictogramas correspondentes, aquí tedes o resultado da resposta para Iago. Oxalá lle guste.

Unha aperta moi moi grande para Iago, para a súa nai, e para estas rapazas e rapaces do CEIP Sal Lence de A Coruña que moito se acordan del, e que xa o queren coñecer.

O video orixinal de Iago

Pé de media (e descrición alternativa): Vídeo de Iago elaborado pola súa mai no que Iago nos amosa, con moitísimo esforzo, unha mensaxe que nos conta con xestos e pictogramas que, pasado a palabras di: Hola, yo quiero que tú, me esuches, me veas, me hables y me ames.

A resposta do CEIP Sal Lence, A Coruña

Nota provisional: Lamentablemente a xente de Youtube entende que o audio que acompaña a este vídeo, aínda tendo explicacións orais do narrador para a súa comprensión, vulnera os dereitos de autor por levar unha musiquiña de fondo. Por tal motivo silenciou totalmente o audio que agora non se pode escoitar sen aviso previo nin dar audiencia. No momento en que podamos, faremos unha versión idéntica con música libre que substituirá a actual. Desculpade as molestias.

Pé de media (e descrición alternativa): Un vídeo coa montaxe audiovisual do alumnado do CEIP Sal Lence da Coruña, en resposta a Iago polo seu vídeo. Nel podemos ver e escoitar o proceso que se seguiu así como a parte principal na que o alumnado deste 2º curso de primaria respota a Iago con audio, subtítulos, pictogramas e xestos.

Enlaces de interese

As primeiras experiencias

A nosa compañeira Cuca foi das primeiras en experimentar con Xandre. O seu fillo Alberto devecía por coñecer ao noso protagonista e o encontro foi espectacular. Graciñas Cuca por compartir con todos nós esta experiencia. No seu caderno dixital (pensandoenimaxes.blogspot.com) tedes información máis detallada.

Primeiro vídeo:

Pé de media (e descrición alternativa): Primeira parte (dun total de dúas) do vídeo caseiro de Alberto (un neno con autismo, fillo de Cuca), coñecendo a Xandre absorto e feliz.

Segundo vídeo:

Pé de media (e descrición alternativa): Segunda parte (dun total de dúas) do vídeo caseiro de Alberto (un neno con autismo, fillo de Cuca), coñecendo a Xandre absorto e feliz.

Os engadidos

O conto de Xandre non ven só. Tedes montóns de complementos que vos poden axudar a desenvolver moitas actividades e experiencias na aula ou na casa, e aínda que aquí volos explicamos, cando queirades acceder a eles, tedes o enlace no menú superior deste caderno dixital na parte que pon recursos. Aló imos:

Audio

Recursos en formato audio que poden axudar a traballar o conto de Xandre.

Podcast do conto en español – audiolibro

Pé de media (e descrición alternativa): Texto español en audio do conto: Xandre, o elefante sen sombra.

Enlace á descarga do audio en español (en formato MP3).

Podcast do conto en galego – audiolibro

Pé de media (e descrición alternativa): Texto galego en audio do conto: Xandre, o elefante sen sombra.

Enlace á descarga do audio en galego (en formato MP3).

Textos

Recursos en formato preparado para imprimir que poden axudar a traballar o conto de Xandre.

Colorear a Xandre

Temos aquí unha serie de debuxos pasados a un sistema de impresión en formato PDF para que se podan colorear.

Glosario de termos para ANEAE

No conto de Xandre inclúese un glosario de termos que aparece cando clicamos co rato sobre o símbolo da interrogación. Para quen precise este documento en papel, aquí volos deixamos en formato PDF para que o usedes a esgalla.

Texto do conto de Xandre en Braille.

Texto en formato PDF escrito en Braille e castelán para o seu uso nas aulas (pódese imprimir con tinta normal para o traballo con alumnado sen deficiencias visuais ou con tinta en relevo como forno fúser, etc. para persoas cegas).

Como se fixo Xandre

É que non podía faltar

Como poderíamos presentar a Xandre sen explicar un pouquiño cales son os seus bimbios, os alicerces cos que estivo feito e mimado durante case un ano de construción?

A cousa daría para falar moito, moitísimo. Pero fixemos unha pequena escolma de imaxes na que se pode intuír como foi a historia. Ademais as parteiras sempre teñen algunha bágoa que botar cando miramos estas cousas e nos dan ánimos para proseguir o camiño.

E aquí tedes a reportaxe sobre como se fixo Xandre

Pé de media (e descrición alternativa): Vídeo sobre como se fixo Xandre feito cunha presentación de fotos dos distintos momentos. Ao longo da metraxe pódense ler letreiros que suman o seguinte texto: Como se fixo Xandre o elefante sen sombra. Con… moita ilusión, moito agarimo, moito traballo, e… altas doses de pracer estético. Non sería posible sen a colaboración de… Andrés Caamaño, Frank Eijo, Paco Díaz, Rafa Sánchez Agustino, Valentín Torrado, Xavi Seco, Ana, Antón, Luis, Manuel, Mariña, Mauro, Rosa, (e o grupo de Contos). Graciñas, TADEGa.net